Activan unha campaña informativa en Defensa da Sanidade Pública

Poio
23 de xaneiro 2023

O Concello de Poio porá autobuses gratuítos para participar na mobilización do vindeiro 12 de febreiro en Santiago, convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública

Pegada de carteis da manifestación do vindeiro 12 de febreiro en Santiago
Pegada de carteis da manifestación do vindeiro 12 de febreiro en Santiago

A concelleira de Sanidade do Concello de Poio, Marga Caldas anunciou a posta en marcha da campaña informativa, acordada co tecido asociativo do concello na última convocatoria da Mesa En Defensa dos Dereitos da Sanidade en Poio, sobre a mobilización que terá lugar o vindeiro domingo 12 de febreiro en Santiago. 

Trátase dunha manifestación convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública, que se impulsa co obxectivo de esixir á Xunta de Galicia que garante un servizo sanitario en condicións, tanto para os pacientes como para o persoal médico.

O Concello de Poio habilitará autobuses para o desprazamento ata a capital galega. A saída será o domingo 12 de febreiro, ás 10.30 horas, desde A Seca, na parroquia de San Xoán. 

Marga Caldas incidiu na importancia de tomar parte nesta convocatoria ante a "precaria situación na que se atopa este servizo" e lembrou que "no noso concello atopamos un dos ratios de número de pacientes por médico máis altos de Galicia e a situación, lonxe de mellorar, segue empeorando pola falta de implicación da Consellería de Sanidade", denuncia a concelleira nacionalista.

Na Mesa en Defensa dos Dereitos da Sanidade en Poio tamén se acordou apoiar, por parte de todos os grupos da Corporación, unha moción denunciando a situación das urxencias sanitarias na área sanitaria Salnés-Pontevedra, á cal pertence o concello.