Actividades de concienciación e visibilización para conmemorar o 8M en Marín

Marín
23 de febreiro 2024

Na vila marinense, as actividades arrancarán a partir do 1 de marzo para visibilizar este mes como o referente para a loita da igualdade da muller e o seu recoñecemento equitativo na sociedade

Presentación dos actos polo 8M en Marín

En Marín xa está todo preparado para que den comezo os actos polo Día da Muller, que se conmemora o vindeiro 8 de marzo.

Na vila marinense arrancarán a partir do 1 de marzo para visibilizar este mes como o referente para a loita da igualdade da muller e o seu recoñecemento equitativo na sociedade.

As concelleiras Marián Sanmartín e Mónica Viqueira, xunto con parte das responsables do CIM, presentaron este venres a viñeta conmemorativa de cada ano, que se lle adica ao colectivo homenaxeado desta vez: as mulleres farmacéuticas.

Serán precisamente as mulleres marinenses que a día de hoxe rexentan algunha farmacia na vila as protagonistas durante o acto institucional que organiza o Concello ese día.

A autora do deseño foi a ilustradora galega Xulia Pisón, que reivindica e destaca o papel punteiro da muller en todo o que ten que ver coa industria e a innovación farmacéutica, desde a súa labor como boticarias ata o rol de investigadoras, pasando polo de formuladoras, estudantes, empresarias...

A progamación oficial dará comezo o primeiro día do mes da man de Opromar, que organiza ás 10:00 horas na Alameda a xornada de pintura 'Mulleres do mar, inspiradoras de arte' da man da ilustradora viguesa Abi Castillo.

O luns 4 de marzo, ás 19:30 horas, inaugurarase no vestíbulo do Concello de Marín a exposición 'As mulleres na profesión farmacéutica. Pasado, presente e futuro', con material tradicional e fotos antigas, cedidas polas oficinas de farmacia de Marín, destacando o papel da muller nestes establecementos. Contará coa actuación da Escola Municipal de Música e estará exposta ata o 15 de marzo.

O xoves 7 de marzo, ás 11:00 horas será o reparto das tradicionais tazas coa impresión da viñeta na Praza de Abastos e ás 12:00 horas, o Museo Municipal Manuel Torres exporá os traballos da xornada do luns e entregará os premios aos mellores.

Xa o 8 de marzo, venres, celebrarase ás 12:00 horas o acto institucional e, pola tarde, ás 19:00 horas, a Finca de Briz acollerá unha actividade lúdica pero chea de compromiso: un scape room pola igualdade denominado 'Estrelas. Unha experiencia de escapismo onde as mulleres máis apaixonantes da historia son as protagonistas'.

Esta última actividade está dirixida a toda a cidadanía, especialmente familias e mocidade, que poderá participar en equipos de entre 4 e 6 persoas. O prazo de inscrición abrirase o 26 de febreiro e estará dispoñible ata o 7 de  marzo en info@territorio-comanche.com. As persoas que queiran participar deberán indicar nome de equipo e nome, apelidos e idade dos seus integrantes.

As xornadas continuarán co colectivo de Céltica Marín Arte e Cultura, que fará unha exposición de obras de mulleres retratadas en distintos ámbitos polos bares de Marín; a realización na Praza 8 de Marzo doutra xornada de pintura en vivo coa profesora Patricia Otero; e a celebración da gala do Premio Emprender en Feminino, organizada polo Diario de Pontevedra, coa colaboración do Concello e do Plan Social de Ence.

OS CENTROS EDUCATIVOS TAMÉN SE SUMAN

A maiores, ao longo deste mes se realizarán diversas actividades de concienciación, visibilización e promoción da igualdade nos centros educativos da vila. En Infantil e Primaria, haberá unha actividade de difusión da historia e legado de Manuela Barreiro, primeira muller matriculada na USC (1896) e primeira licenciada en Farmacia (1900).

No caso de Secundaria, entregarán de material de sensibilización, consistente en calendarios escolares con mulleres referentes na ciencia e un xogo da Oca con esta temática, e para cuarto da ESO e Bacharelato, darán charlas impartidas polo vogal de docencia do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, Pepe Fornos.

Arquivado en