Acto de orgullo da lingua galega con substitución de lápidas en Cerponzóns

Pontevedra
31 de agosto 2025

A xornada, coa participación do secretario xeral da Lingua, Valentín García, promoveu o uso do galego no ámbito litúrxico e familiar, coa sinatura da Declaración de Cerponzóns

Participantes no acto para galeguizar lápidas en Cerponzóns
Participantes no acto para galeguizar lápidas en Cerponzóns / Esperón Recarei

A parroquia pontevedresa de San Vicente de Cerponzóns foi este domingo o escenario dun acto histórico pola dignidade da lingua galega, enmarcado na campaña "En galego, agora e sempre" que a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia (AFNLG) desenvolve desde hai máis de dúas décadas.

A xornada, que contou coa participación do secretario xeral da Lingua, Valentín García, buscou prestixiar o uso do galego en todos os contextos da sociedade, especialmente no ámbito familiar e litúrxico.

Un dos fitos máis salientables desta xornada foi a cambio de lápidas funerarias escritas en lingua castelá por outras escritas en galego, ademais da colocación dunha placa conmemorativa na entrada ao cemiterio.

Durante a celebración do acto, Valentín García fixo un chamamento para impulsar e prestixiar o uso da lingua en todos os contextos da sociedade.

Ademais da colocación das novas lápidas, entregóuselles aos participantes unha acta de vontades para que, no futuro, os seus familiares e achegados coñezan o interese do defunto para a celebración dos actos litúrxicos e de sepelio en galego.

Valentín García, secretario xeral da Lingua
Valentín García, secretario xeral da LinguaGaleguizar Galicia
Asistentes ao acto litúrxico na igrexa de San Vicente de Cerponzóns
Asistentes ao acto na igrexa de San Vicente de CerponzónsGaleguizar Galicia
Asistentes ao acto de defensa do galego na igrexa de San Vicente de Cerponzóns
Asistentes ao acto de defensa do galego na igrexa de San Vicente de CerponzónsGaleguizar Galicia
Acto para reivindcar a lingua galega no cemiterio de Cerponzóns
Acto para reivindcar a lingua galega celebrado no cemiterio de CerponzónsPSOE Pontevedra

DESCONTO EN FUNERARIA SAN MARCOS

Juan Perdiz, recoñecido empresario do sector funerario e responsable de Funeraria San Marcos, anunciou un desconto do 40% nas lápidas que se encarguen en galego, un fito que sucede por vez primeira e que converte a esta empresa na primeira mortuoria en subvencionar a substitución de lápidas ao galego.

O acto culminou coa sinatura da Declaración de Cerponzóns, lida pola presidenta da asociación O Chedeiro, Liliana Casás, e asinada por diversas personalidades e institucións, entre elas Valentín García Gómez, María Xosé Abelleira (concelleira de Pontevedra), Xoaquín Monteagudo Romero (presidente da AFNLG), Luís Seoane Ares (Vicario Episcopal Territorial de Pontevedra), David Costa Piñó (subdirector do IMELGA en Pontevedra), Ángel González Solla (da Alianza Evanxélica Española); xunto a Juan Laureano Perdíz Cabanelas (da Funeraria San Marcos) e Xoán Xosé Esperón Recarei (secretario da Asociación Cultural O Chedeiro), os dous principais impulsores desta iniciativa.

Substituíronse precisamente catro lápidas en castelán por outras en galego, pertencentes a familiares de Xoán Xosé Esperón Recarei.

Juan Perdíz asinando a Declaración de Cerponzóns
Juan Perdíz asinando a Declaración de CerponzónsGaleguizar Galicia
Xoán Xosé Esperón
Xoán Xosé EsperónGaleguizar Galicia

A cerimonia estivo acompañada pola música tradicional do grupo Os de Algures e a participación do campaneiro da parroquia.

O acto concluía co descubrimento dunha placa á entrada do camposanto en recordo de todos os que alí xacen, xa que "grazas a eles Galicia segue a ter lingua e cultura de seu".

Placa instalada no cemiterio de Cerponzóns
Placa instalada no cemiterio de CerponzónsGaleguizar Galicia