Actos, charlas e reparto de material para acabar coa avespa velutina en Bueu

Bueu
16 de febreiro 2023

O Concello de Bueu e a Asociación Galega de Apicultura continúan coa colaboración anual para loitar contra a avespa velutina organizando numerosos actos públicos e charlas nos que se repartirán trampas para toda a veciñanza

Un dos actos da campaña de control da vespa velutina
Un dos actos da campaña de control da vespa velutina / Concello de Bueu

A campaña de control da avespa velutina do Concello de Bueu e da Asociación de Apicultura comezará entre finais de febreiro e comezos de marzo polas tres parroquias da vila. Terán lugar numerosas charlas e actos públicos sobre como loitar contra esta especie invasora.

As charlas arrancarán o 27 de febreiro na Casa do Pobo de Beluso, e continuarán o 28 na Casa da Aldea de Meiro, o 2 de marzo no Centro Sociocultural de Cela, e o 3 de marzo no Centro Social do Mar. Todas celebraranse ás 20:30 horas.

Xosé Leal, concelleiro de Medio Ambiente, anima os veciños e veciñas de Bueu a participar un ano máis nesta campaña, "pois está demostrado que as trampas reducen nunha ampla proporción a proliferación de niños, e por iso temos que incidir na prevención máis ca na retirada".

Segundo avanzan dende o colectivo apicultor, neses actos repartirase material para todas as trampas ata este ano repartidas e as trampas e material funxible da nova veciñanza ou reemprazos por deterioro das xa existentes. Para recoller o material recoméndase que as persoas asistentes traian bolsa para evitar o uso innecesario de plástico.

Entre os obxectivos do programa están diferenciar a avespa velutina da avespa crabo, insecto autóctono e que permite controlar o avance da avespa allea; estudar os diferentes medios empregados no control e loita contra a avespa velutina; analizar os diferentes tipos de trampas, tanto industriais como artesanais; e repartir trampas e atraínte entre as persoas adheridas ao programa de trampeo sistemático.