Actuación de urxencia en Xeve para reconstruír un muro da estrada a Amil

Pontevedra
08 de outubro 2019

En concreto, o muro caeu á altura do punto quilométrico 2+700 e os operarios están a executar un novo muro de contención do noiro afectado. Segundo informou a Deputación, as obras comezaron esta semana. A actuación está valorada en 100.000 euros e adxudicouse á empresa Manten S.L

Actuación na estrada Xeve-Amil
Actuación na estrada Xeve-Amil / Deputación Provincial de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra comezou as obras para solucionar a situación xerada na parroquia pontevedresa de Xeve a raíz da caída dun muro de contención na estrada EP-0018 Xeve-Amil-Espedregueira.

En concreto, o muro caeu á altura do punto quilométrico 2+700 e os operarios están a executar un novo muro de contención do noiro afectado, cimentándose sobre terreo competente e con capacidade suficiente que permita reconstruír a estrada ata a súa cota inicial.

Esta actuación de carácter urxente lévase a cabo despois de que a avaliación técnica estimase que se producira un importante derrubamento e que o resto do treito estaba seriamente danado e con risco para a seguridade viaria da zona afectada.

Ademais, tívose en conta que o desnivel existente entre o pé do noiro e a estrada provincial chega aos cinco metros de altura, podendo afectar á zona de circulación e as propiedades contiguas.

Segundo informou a Deputación, as obras comezaron esta semana. A actuación está valorada en 100.000 euros e adxudicouse á empresa Manten S.L.