Acuaes confirma que as obras en Poio seguirán ata a semana do 16 ao 20 de decembro

Pontevedra
04 de decembro 2013

Nun comunicado o enxeñeiro responsable destas obras informa que esta semana se vai realizar unha cata na glorieta da Barca para coñecer as características de terreo. No caso de que a cata mostrase que a dureza do terreo a escavar é moi alta, aprazaríase o cruce da glorieta da Barca a xaneiro de 2014, para evitar que a glorieta quede afectada durante a tempada do Nadal

Rotonda da Barca no concello de Poio
Rotonda da Barca no concello de Poio

A empresa pública Acuaes acaba de informar da súa previsión de traballos na zona da Barca para as próximas semanas e avanza que as obras que executa en Poio e que manteñen cortado un carril da ponte, continuarán ata a semana do 16 ao 20 de decembro.

Nun comunicado o enxeñeiro responsable destas obras informa que esta semana se vai realizar unha cata na glorieta da Barca para coñecer as características de terreo. No caso de que o material a escavar non sexa excesivamente duro, prevese comezar a traballar na devandita glorieta, arrancando dende o lado de Carrefour e avanzando cara ao hotel Don Pepe cun novo equipo de traballo ata encontrarse co actual, que xa se atopa a uns 80 metros da glorieta.

O obxectivo desta planificación é multiplicar o ritmo de traballos na zona, deixando finalizado antes de Nadal todo o tramo dende Casa Solla ata o Carrefour (glorieta da Barca incluída).

No caso de que a cata mostrase que a dureza do terreo a escavar é moi alta, aprazaríase o cruce da glorieta da Barca a xaneiro de 2014, para evitar que a glorieta quede afectada durante a tempada do Nadal.

A prioridade é non comezar ningún tallo que non poida ser totalmente rematado ante de Nadal.

Ademais esperan que o 7 de xaneiro comecen os traballos en Domingo Fontán cunha previsión de finalización para o 1 de marzo.