Adeus ás pingueiras no refuxio de animais de Campañó

Pontevedra
09 de xuño 2021

Cunha actuación na que se investiron máis de 16.000 euros, o goberno municipal agarda ter resolto o problema das pingueiras que afectaban a varias das estancias do refuxio de animais que xestiona Os Palleiros en Campañó

Tino Fernández e Marcos Rey no refuxio de animais de Campañó
Tino Fernández e Marcos Rey no refuxio de animais de Campañó / Concello de Pontevedra

Cunha actuación na que se investiron máis de 16.000 euros, o goberno municipal agarda ter resolto o problema das pingueiras que afectaban a varias das estancias do refuxio de animais que xestiona Os Palleiros en Campañó.

A obra foi executada pola empresa Edigrup Global e supuxo a desmontaxe da cuberta deteriorada, a colocación dunha estrutura auxiliar e a instalación dunha nova cuberta inclinada de paneis tipo sándwich liso, cunha pendente maior do 10%.

Os traballos tamén incluíron a dotación de canlóns e baixantes circulares de aluminio no exterior do edificio da protectora para favorecer a óptima recollida de augas pluviais.

Nunha visita ao refuxio, acompañado polo tenente de alcalde, Tino Fernández, e a responsable de Os Palleiros, Raquel Bello, o edil de Benestar Animal, Marcos Rey, destacou que estas obras solucionan unhas filtracións "que se converteran nunha auténtica preocupación".

Cada vez que chovía a auga afectaba a espazos destinados á estancia de cadelas con cachorros, á recuperación de cans sometidos a intervencións cirúrxicas e ao illamento de animais enfermos, así como ao propio teito do quirófano, onde chegaba a entrar por unhas fisuras moi próximas á lámpada da mesa de intervencións.

"Esta situación non só afectaba á calidade de vida dos animais, senón que podía acabar por incidir directamente na súa saúde", subliñou o concelleiro socialista.

O refuxio de Campañó acolle nestes momentos un total de 63 cans e, a pesar de estar en plena pandemia, o ritmo de adopcións é bo, segundo os seus responsables, cunha media de entre doce e quince cada mes.