Administracións e corpos de seguridade traballan no dispositivo especial de seguridade para oito días multitudinarios en Pontevedra

Pontevedra
21 de agosto 2024

A coincidencia do Campionato do Mundo U20 de Loitas Olímpicas coa fin de semana de Feira Franca conleva un despregamento e coordinación de seguridade especial entre administracións, corpos de ceguridade e Federación Galega de Loitas Olímpicas

Reunión da Xunta Local de Seguridade celebrada no Concello de Pontevedra
Reunión da Xunta Local de Seguridade celebrada no Concello de Pontevedra

Conseguir a seguridade cidadá a todos os niveis e en todos os ámbitos posibles mantendo unha coordinación total e eficaz é o obxectivo que volveu reunir este mércores á Xunta Local de Seguridade no Concello de Pontevedra con oito días concretos sobre a mesa de traballo.

Oito días, do 1 ao 8 de setembro e especialmente esa fin de semana, serán as xornadas máis multitudinarias deste ano na cidade do Lérez xa que coincidirán o Campionato do Mundo U20 de Loitas Olímpicas e a Feira Franca. A conxunción de ambos os eventos require por tanto uns dispositivos e operativos especiais xa que ás miles de persoas que gozan da cita festiva sumaranse os 1.3000 participantes de 88 países que se confirmaron para a convocatoria deportiva.

Na Xunta de Seguridade volveron estar presentes responsables do Concello, Subdelegación do Goberno, Policía Nacional, Garda Civil, Policía Local e Federación Galega de Loitas Olímpicas. "Pontevedra é un referente na celebración deste tipo de citas e conta cunha ampla experiencia para que todo vaia como ten que ir a través da boa coordinación entre administracións e corpos de seguridade, como vén facendo en todos os eventos internacionais", expuxo o alcalde Fernández Lores.

"Desde a Subdelegación ofrecemos a máxima dispoñibilidade para tratar de garantir a seguridade en Pontevedra durante unha semana na que se celebran dous dos principais eventos anuais de carácter festivo e deportivo", engadía o subdelegado do Goberno, Abel Losada.