Un adolescente pontevedrés de 15 anos, Xesús, resultou ferido de consideración a noite deste sábado 9 ao domingo, no transcurso das Festas da Peregrina, ao ser alcanzado polos cristais dunha botella lanzada desde o Campillo de Santa María durante a denominada celebración das penas.
O mozo atopábase sentado cos seus amigos nas escaleiras do edificio onde se albergan as oficinas da Seguridade Social (INSS), na rúa Arcebispo Malvar, cando a botella impactou contra o solo e os fragmentos rebotaron, causándolle cortes nunha perna e no brazo.
Como consecuencia das feridas, Xesús tivo que recibir 19 puntos de sutura nun brazo e presenta dous cortes máis pequenos nas pernas.
A súa nai, María Freire, trasladou a PontevedraViva a denuncia dos feitos e expresou a súa preocupación pola seguridade nas rúas durante as festas.
"Non é normal que se fagan estas cousas, hai que pensar nas consecuencias que poden ter", afirma Freire, quen cuestiona se o despregamento policial é suficiente para garantir a tranquilidade dos cidadáns.

A nai lamenta que, ao non saber quen lanzou a botella, non se poida presentar unha denuncia formal, segundo a información que lle deron os axentes da Policía Local.
Xesús foi o único ferido do grupo de amigos que estaba no lugar.
Este incidente terá consecuencias directas na vida do mozo, xa que, ao ser surfeiro, non poderá realizar os seus adestramentos semanais e verase afectado na participación dun campionato próximo.
María Freire insiste en que "todos temos dereito a estar na rúa tranquilamente e sen medo a que nos pase algo", facendo un chamamento á concienciación sobre os perigos deste tipo de accións.
