O incidente rexistrado o pasado 26 de outubro no insitituo de Poio, no que un alumno agrediu a outro no recinto escolar, e outras situacións que desde o propio instituto cualifican como "conflitos en temas de convivencia" levaron á adopción dunha serie de "medidas urxentes", segundo informan a dirección do instituto e o Concello.
As concellerías de Educación e Servizos Sociais e o propio instituto puxeron en marcha estas medidas co fin de "educar ao alumnado na tolerancia e a non violencia" e o centro, a maiores de adoptar as medidas correctoras que pauta a Lei de Convivencia, reforzará a vixilancia do alumnado no seu tempo de lecer e traballará o tema da non violencia nas aulas.
A primiera actuación conxunta do Concello e o instituto será este venres entre as 9.50 e as 12.00 horas. Estudantes de primeiro curso de ESO participarán nunha serie de charlas impartidas pola asociación Arela dentro do Programa Ktorce18, iniciativa preventiva de condutas infractoras que ten gran aceptación dentro da comunidade educativa. A xornada incluiría unha intervención dirixida á formación do profesorado e outra de maior duración para o alumnado implicado no conflito.
Ademais, os pais de alumnos do centro acordaron en asemblea redactar un escrito expoñendo as súas preocupacións e reclamando posibles solucións para presentar ante as autoridades educativas, escrito que os interesados poden asinar no instituto.