Adrián Vidal, o socialista que aspira a "acabar co declive" de Campo Lameiro

Umia
28 de marzo 2023

A Praza do Concello foi o lugar elixido polo PSdeG-PSOE para presentar publicamente a Adrián Vidal como o seu candidato á Alcaldía de Campo Lameiro nas próximas eleccións municipais de maio. Substitúe nesta responsabilidade política a Paz Vidal

Presentación de Adrián Vidal como candidato do PSOE en Campo Lameiro
Presentación de Adrián Vidal como candidato do PSOE en Campo Lameiro / PSdeG-PSOE de Pontevedra

A Praza do Concello foi o lugar elixido polo PSdeG-PSOE para presentar publicamente a Adrián Vidal como o seu candidato á Alcaldía de Campo Lameiro nas próximas eleccións municipais de maio. Substitúe nesta responsabilidade política a Paz Vidal.

Na súa intervención, Vidal lamentou que Campo Lameiro é un concello pequeno "e, lamentablemente cada vez máis pequeno", polo que debe buscar a súa identidade para frear "corenta anos de declive con gobernos do PP".

O candidato socialista censurou a falta de inversión en Campo Lameiro por parte do propio Concello e da Xunta de Galicia, a "inacción e incompetencia" do alcalde para acceder a fondos da Deputación e da Unión Europea e criticou o "boom eólico" que afecta ao municipio.

Ademais, amosouse convencido de que o traballo destes catro anos dará froitos, "pois somos a referencia da oposición", en contraste cun BNG "que aparece tres meses antes das eleccións".

O secretario xeral dos socialistas de Pontevedra, David Regades, definiu a Adrián Vidal como un "traballador incansable que sempre está axudando á súa veciñanza en canta actividade hai". 

Aludiu tamén á perda de servizos no rural e ao recente peche da única sucursal bancaria do centro urbano que o Concello "non soubo frear".

A este respecto, puxo tamén a disposición de Campo Lameiro, en calidade de delegado da Zona Franca, os recursos da entidade "para traballar para facer medrar o municipio e xerar oportunidades e postos de traballo".