O conselleiro de Cultura e Patrimonio, José López Campos, acompañado entre outros do alcalde do Grove, José Cacabelos, inaugurou este venres a nova aula de interpretación de Adro Vello.
Un novo espazo que permite, destacou o representante do goberno autonómico, "entender como foi evolucionando Galicia ao longo dos séculos, xa que aquí están escondidos restos de máis de 1800 anos de historia, desde vestixios da época romana ata a alta idade Media de grande interese cultural e investigador".
Para habilitar o centro de interpretación a consellería destinou 25.000 euros no marco dun convenio de colaboración coa Arquidiocese de Santiago de Compostela, que cedeu un inmoble anexo á casa reitoral próxima da Igrexa de San Vicente do Grove.
O espazo conta con 12 paneis explicativos que tratan a historia e o significado do xacemento, así como unha maqueta, un sártego pétreo extraido no Adro Vello e a réplica da Moeda Xacobea de Traslatio exhumada durante as escavacións realizadas en 1985.
A zona arqueolóxica de Adro Vello foi declarada Ben de Interese Cultural en decembro de 2022 ao tratarse dun lugar singular polo seu enorme interese científico, histórico e arqueolóxico.
Trátase, explican, dun emprazamento significativo dentro do Camiño de Santiago ao ser considerado o lugar de entrada do corpo do Apóstolo cara Santiago na súa ruta desde Xerusalén.
"Pode ser claramente un dos xacementos máis importantes de toda Galicia", afirmou o alcalde celebrando o compromiso alcanzado coa Xunta para "valorizalo, estudalo e melloralo"
"Agora de feito quedaría o proxecto, confiamos que o ano que vén, de musealización de Adro Vello", avanzou Cacabelos.