Advirten o PP que en 2016 non poderán usar os xardíns do castelo de Soutomaior para o seu acto político

Pontevedra
30 de agosto 2015

Os populares non poderán volver usar o castelo de Soutomaior para o acto de inicio do curso político en 2016. Polo menos, os seus xardíns. Terán á súa disposición as salas interiores pagando as taxas establecidas, "ao igual que calquera outra institución, asociación ou organización", advirten dende a institución provincial

Acto de inicio do curso político do PP no castelo de Soutomaior
Acto de inicio do curso político do PP no castelo de Soutomaior / Diego Torrado

Denunciouno publicamente o Partido Popular este domingo e a Deputación confírmao vía comunicado. Os populares non poderán volver usar o castelo de Soutomaior para o acto de inicio do curso político en 2016. Polo menos, os seus xardíns. Terán á súa disposición as salas interiores pagando as taxas establecidas, "ao igual que calquera outra institución, asociación ou organización", advirten dende a institución provincial.

Nunha misiva, asinada polo deputado Carlos López Font, a Deputación avisa o PP de que os tempos cambiaron e de que "os seus privilexios chegaron ao seu fin". Neste sentido, o socialista critica que Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo "cuestionen a obriga e o deber que teñen os cargos institucionais de impedir que os espazos públicos se usen polos partidos políticos para actividades partidarias".

Así, recorda que "deberían saber os dirixentes populares que os xardíns de Soutomaior non están a disposición de ningún tipo de organización para a realización de actos" e que con Rafael Louzán como presidente "só" o PP de Pontevedra usaba estes xardíns para actos de partido.

"O PP fixo hoxe un acto, e se fosen capaces de entender os mínimos criterios democráticos, eles mesmos decataríanse de que resulta moi pouco axeitado un uso patrimonial do público", conclúe o comunicado.

CARTA REMITIDA AO PP

Na carta remitida ao PP o pasado venres, a Deputación xa anunciaba ao PP que o próximo día 30 "poderán usar vostedes ese espazo por última vez", comunicándolles que se ía manter aberto o castelo ás visitas públicas polo que "non se pode impedir o libre acceso ás instalacións, de forma que a disposición do mobiliario e do público asistente ao acto deberá respectar os itinerarios de acceso".