Adxudicada a obra para dotar de saneamento ao lugar de Covadalaxe en Samieira

Poio
30 de xullo 2021

Estes traballos permitirán levar o abastecemento e dotar de saneamento ao lugar de Covadalaxe, na parroquia de Samieira, dando continuidade a outros proxectos xa rematados no rural de Poio, como o caso das actuacións no Camiño Salgueiral ou no Camiño da Bouza

A concelleira de Obras e Servizos Municipais de Poio, Chelo Besada, visita o lugar de Covadalaxe, na parroquia de Samieira
A concelleira de Obras e Servizos Municipais de Poio, Chelo Besada, visita o lugar de Covadalaxe, na parroquia de Samieira

Na última sesión da Xunta de Goberno Local de Poio aprobouse a adxudicación dos traballos para levar o abastecemento e dotar de saneamento ao lugar de Covadalaxe, na parroquia de Samieira. O proxecto foi adxudicado á empresa Narom Sociedad Limitada e conta cun orzamento de 25.686,84 euros.

A concelleira de Obras e Servizos Municipais e tenente de alcalde de Poio, Chelo Besada, visitaba este venres o lugar de Covadalaxe, onde explicaba que un total de oito empresas presentaron ofertas para realizar as obras, que incluirán, ademais da instalación das tubaxes, a mellora do pavimento.

Estes traballos forman parte dun proxecto global por parte da Concellería de Obras co fin de dotar deste tipo de servizos a diferentes puntos do rural do concello.

Neste sentido, a tenente de alcalde recorda que ao longo das últimas semanas tamén se executaron actuacións similares noutros lugares, como é o caso do Camiño Salgueiral ou o Camiño da Bouza, onde os traballos xa están a piques de rematar.

"Continuamos coa nosa folla de ruta para seguir incrementando a porcentaxe de territorio do municipio que conte con saneamento e abastecemento, que xa está por riba do 95%", engadiu Chelo Besada, para a continuación sinalar que o Concello de Poio leva investido nestas actuacións preto de 60.000 euros nos últimos meses.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora