Adxudicada por 826.000 euros a primeira fase da reforma da estrada vella de Marín

Pontevedra
09 de novembro 2022

A intervención centrarase na zona de Estribela, dispón dun prazo de execución de 12 meses e inclúe a ampliación das beirarrúas, a instalación de tres pasos de peóns sobreelevados, a mellora das paradas de autobús e a reposición de todos os servizos e da sinalización

Ethel Vázquez e Miguel Anxo Fernández Lores, na PO-546, a estrada vella de Marín
Ethel Vázquez e Miguel Anxo Fernández Lores, na PO-546, a estrada vella de Marín / Mónica Patxot

A Xunta vén de adxudicar por máis de 826.000 euros a primeira fase do acondicionamento da estrada PO-546, entre Pontevedra e Marín, na zona de Estribela.

A actuación, que foi adxudicada á empresa Oresa Construcción y Servicios Globales S.L., ten un prazo de execución de 12 meses.

O obxectivo das actuacións é garantir desprazamentos sen riscos na zona e que os peóns gañen máis protagonismo fronte ao vehículo, mellorando a súa seguridade.

Para iso, a Xunta acometerá unha transformación integral da estrada nesta contorna, coa reurbanización dun treito de 500 metros, no que se modificará a sección transversal para poder ampliar as beirarrúas e dotalas dun ancho mínimo de dous metros, de forma que se favorezan os desprazamentos a pé e se asegure a accesibilidade.

Ademais, para conseguir o calmado de tráfico e reforzar a seguridade viaria, instalaranse tres pasos de peóns sobreelevados que contarán con iluminación específica e cun sistema intelixente que detecte ao peón nas inmediacións e active a sinalización.

Tamén se mellorarán as paradas de autobús, coa disposición de novos refuxios e renovarase a iluminación da vía, ademais do fresado e estendido dunha nova capa de firme, a reposición da drenaxe e dos servizos afectados e a sinalización horizontal e vertical.

Esta intervención contará con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia do programa Next Generation UE de mobilidade sostible.

A actuación forma parte dun proxecto máis amplo, unha intervención no conxunto da vía coa que a Xunta busca promover unha mobilidade máis saudable, sostible e segura, tanto a pé como en bicicleta.

En total, a Xunta investirá 7 millóns de euros para a transformación da PO-546, que continuará entre Mollabao e Os Praceres e seguirá cun novo treito entre Estribela e o límite con Marín, ademais da zona pendente de mellora da rúa Concepción Arenal, tamén en Marín.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora