Adxudicadas as obras da nova senda na PO-546 no treito urbano de Marín por un millón de euros

Marín
01 de decembro 2023

A Xunta quere con esta actuación dar continuidade á humanización desta vía, operando entre as rúas da Estrada e da Roda e nas rúas Concepción Arenal e da Ponte

Rúa Concepción Arenal
Rúa Concepción Arenal / Concello de Marín - Arquivo

A Xunta de Galicia adxudicaba nas últimas horas a execución das obras da nova senda na estrada autonómica PO-546 que circula polo tramo urbano de Marín. A adxudicación realizouse por 1.005.086 euros.

A empresa Oresa Construción e Servizos Globais será a encargada de executar este proxecto para transformar a vía, que se inclúe dentro dos traballos de humanización desenvoltos en Concepción Arenal, entre a rotonda de As Ancoras e a Rúa Real de Cantodarea.

A actuación completa os tramos que xa foron humanizados na antiga travesía da PO-546.

Está previsto que a intervención se realice en tres zonas: 129 metros de beirarrúa de Concepción Arenal, entre as Rúas da Estrada e da Roda; 360 metros da Rúa Concepción Arenal, entre A Estrada e a rotonda das Áncoras; e por último, 204 metros da Rúa da Ponte, ocupando toda a súa extensión.

Crearanse beirarrúas dun mínimo de dous metros de ancho, sempre que sexa posible. Tamén se repoñerán os firmes e estableceranse pasos de peóns sobreelevados. Instalaranse nos extremos pavimentos podotáctiles para facilitar a accesibilidade.

Por outra banda, instalarase nova iluminación e repoñeranse os sinais e balizas, con nova rede de sumidoiros e reposición de servizos afectados.

Toda a obra inclúese dentro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade en espazos urbanos, segundo indica a Xunta.