Adxudicadas as obras para construír un centro de día na antiga Casa do Mar de Marín

Marín
11 de agosto 2021

A obra ten un prazo de execución de 8 meses e supoñerá un investimento de 240.000 euros, dos que o  Concello achega 100.000 euros procedentes do remanente de tesourería

Casa do Mar de Marín
Casa do Mar de Marín / Concello de Marín

A Xunta de Goberno Local de Marín aprobou este mércores a adxudicación das obras de reforma da primeira planta da Casa do Mar, que pasará a converterse nun centro de día público.

A empresa Coviastec será a encargada de executar un proxecto pensado para ofrecer un servizo gratuíto e de calidade á poboación da terceira idade de Marín. O investimento rolda os 240.000 euros e está confinanciada en algo máis de 66 % pola Consellería de Política Social, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. A parte restante, que ascende a 100.000 euros, asúmea o Concello con fondos propios procedentes do remanente de tesourería. 

A Casa do Mar foi cedida ao Concello por parte da Tesourería da Seguridade Social co obxectivo de garantir, por parte do goberno local, a cobertura pública da asistencia aos maiores. As obras servirán para dotar ao inmoble dunha ampla sala de usos múltiples, así como doutras dependencias como un espazo de rehabilitación, outro para o lecer, así como cociña e lavandería. 

O prazo de execución do plan é de 8 meses.