Adxudicado o proxecto de adecuación da contorna do Pazo da Crega

Barro
18 de agosto 2021

A Xunta de Goberno local deu luz verde á adxudicación dun proxecto para actuar na contorna do pazo municipal situado no núcleo urbano do Santo Antoniño e co que se mellorará toda a zona exterior

Exterior do Pazo da Crega
Exterior do Pazo da Crega / Concello de Barro

A Xunta de Goberno local do Concello de Barro aprobou a adxudicación dun proxecto para actuar na zona exterior do Pazo da Crega e mellorar todo este espazo.

A intervención seguirá a idea de integrar os espazos en relación coas persoas, creando áreas de convivencia para que a veciñanza goce deste pazo municipal, segundo indican desde o goberno que dirixe Xosé Manuel Fernández Abraldes.

O proxecto conta cun orzamento de 56.000 euros e financiarase con fondos propios do Concello. Foi adxudicado á empresa Construcións Vale S.L., ao presentar a mellor oferta económica no concurso cunha rebaixa do 22% sobre o orzamento basee de licitación.

Con esta iniciativa, o goberno local quere revalorizar o Pazo da Crega e toda a súa contorna, recuperando elementos esenciais do conxunto arquitectónico e patrimonial, eliminando elementos que os desvirtúan e reordenando a masa forestal, deixando espazos máis claros e incorporando este edificio no núcleo urbano da vila.

Está prevista a mellora da accesibilidade, a apertura do espazo exterior axardinado, a reconstrución do hórreo orixinal e do lagar, entre outras actuacións.