Adxudicados 193 nichos nos cemiterios de San Amaro, Lourizán e Ponte Sampaio

Pontevedra
23 de febreiro 2025

A concesión dos nichos ten un prazo de 75 anos, improrrogable. Só poderán transmitirse "mortis causa" a herdeiros ou legatarios da persoa concesionaria

Cemiterio de San Amaro 1
Cemiterio de San Amaro 1 / Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra resolveu definitivamente a adxudicación de 193 nichos nos cemiterios municipais de San Amaro, Lourizán e Ponte Sampaio, nun proceso que atendía unha demanda histórica da veciñanza e que se mantivera parado durante unha década.

As persoas adxudicatarias están sendo notificadas para que se presenten nas dependencias municipais a asinar o contrato de concesión, que terá un prazo de 75 anos improrrogables.

A concelleira de Xestión de Cemiterios, Anabel Gulías, mostrouse satisfeita co resultado desta licitación, destacando o seu carácter sensible para a cidadanía e o labor dilixente do servizo de cemiterios.

O proceso de licitación comezou cunha oferta inicial de 300 nichos, distribuídos entre os tres cemiterios: 200 en San Amaro, 36 en Lourizán e 64 en Ponte Sampaio. Tras analizar as solicitudes e as renuncias, o resultado final foi o seguinte:

  • Cemiterio de San Amaro:

    • Nichos concedidos provisionalmente: 197 (151 solicitudes).

    • Renuncias: 41 nichos (21 solicitudes).

    • Nichos concedidos definitivamente: 156.

  • Cemiterio de Lourizán:

    • Nichos concedidos provisionalmente: 37 (23 solicitudes).

    • Renuncias: 6 nichos (4 solicitudes).

    • Nichos concedidos definitivamente: 31.

  • Cemiterio de Ponte Sampaio:

    • Nichos concedidos provisionalmente: 9 (6 solicitudes).

    • Renuncias: 3 nichos (2 solicitudes).

    • Nichos concedidos definitivamente: 6.

No total, concedéronse 193 nichos definitivos, fronte ás 243 solicitudes provisionais presentadas.

Anabel Gulías e Miguel Anxo Fernández Lores no cemiterio de San Amaro
Anabel Gulías e Miguel Anxo Fernández Lores, cun traballador municipal, no cemiterio de San AmaroConcello de Pontevedra

As persoas adxudicatarias están sendo contactadas polo Concello para que se presenten nas oficinas municipais a recoller a notificación e asinar o contrato de concesión.

Ademais, a partir de mañá, luns 24 de febreiro, aqueles que aínda non foran chamados poden poñerse en contacto co servizo de cemiterios no teléfono 986 80 43 00 (extensións 7631, 7633 ou 7634) para solicitar cita previa e completar o proceso.

A concesión dos nichos ten un prazo de 75 anos, improrrogable. Queda prohibida calquera transmisión "inter vivos" destas concesións.

Só poderán transmitirse "mortis causa" a herdeiros ou legatarios da persoa concesionaria. Estes terán un prazo dun ano para acreditar a súa condición.