As obras de mellora da residencia de maiores de Campolongo xa están adxudicadas. A Xunta de Galicia acaba de anunciar que a empresa Ogmios será a responsable da actuación, na que o Goberno galego investirá catro millóns de euros.
Segundo a información facilitada pola Xunta de Galicia este mércores, a actuación ten un prazo de execución previsto de 18 meses, unha vez que comecen os traballos.
O obxectivo desta intervención é adecuar os espazos existentes, cunha reorganización que afectará especialmente ás zonas de enfermería e comedor.
Ademais, cubrirase a terraza para que se poida utilizar como zona de usos múltiples, deixando un espazo exterior para o uso das persoas residentes.
O proxecto tamén inclúe a reforma completa da segunda planta, mellorando a súa accesibilidade e coa finalidade de destinala para os usuarios con maior dependencia.
A actuación proposta contempla o aumento das condicións de illamento, para o que se mellorará a envolvente térmica do edificio e actuarase sobre as carpinterías exteriores.
Así mesmo, substituiranse os ascensores e as dúas caldeiras de gasóleo por outras de biomasa.