A Unidade Terapéutica para persoas con Alzheimer poñerase en funcionamento no Local Social de Alende, segundo informa o Concello de Moraña. Trátase dun espazo, que estará xestionado a través da Xunta de Galicia, entidade que derivará ás persoas usuarias. Actualmente xa conta con tres integrantes das dez prazas que estarán dispoñibles..
A Casa de Alende tamén acollerá, nas vindeiras semanas, un obradoiro de Memoria, organizado pola Asociación de Familiares de Enfermos e outras Demencias de Pontevedra (AFAPO). Será a partir do xoves 2 de marzo. A capacidade para estas sesións limítase a 15 persoas e desenvolverase todos os venres, de 10.00 a 11.30 horas.
Unha terapeuta de AFAPO encargarase de conducir as sesións dirixidas a persoas maiores de 60 anos de idade, que carezan dun diagnóstico de enfermidade nuerodegenerativa. O obxectivo desta proposta céntrase en previr este tipo de patoloxías, con actividades para fomentar o envellecemento activo.
Realizaranse traballos grupais con distintas técnicas que fomenten a cohesión entre os participantes, a sociabilidade, a diversión e o traballo en equipo. Tamén está prevsito que se executen exercicios que fortalezan a memoria, a linguaxe, a escritura, o cálculo ou a atención.
Aquelas persoas interesadas neste curso poderán solicitar unha praza chamando ao teléfono do Concello (986.552.018) ou de AFAPO (986.842.141). A participación depende da avaliación que o persoal técnico da asociación realice sobre o nivel de posibilidades cognitivas. Se observan algún tipo de deterioración recomendarase acudir á Unidade Terapéutica, segundo informa o Concello de Moraña, cuxo alcalde visitou nesta xornada as instalacións ás que se incorporou o mobiliario necesario para estas actividades.