Agardan que o 11 de maio comecen os traballos para liberar o Gafos en Campolongo

Pontevedra
28 de abril 2026
Actualizado: 13:27

A previsión é que os traballos comecen pola rúa Alcalde Hevia para instalar os novos colectores conectando as tubaxes e evitar molestias nos centros escolares de Campolongo

Zona cuberta sobre o leito do río Gafos en Campolongo
Zona cuberta sobre o leito do río Gafos en Campolongo / Cristina Saiz

O proxecto de renaturalización do río Gafos ao seu paso polo barrio de Campolongo está a poucos días de iniciarse, despois de todas as tramitacións.

O concelleiro de Infraestruturas e Mobilidade, César Mosquera, anunciou este martes, tras a comisión de Mobilidade, que o goberno local e a empresa adxudicataria manexan o luns 11 de maio como data probable para o inicio duns traballos que mudarán para sempre a fisionomía urbana da cidade.

Malia que a acta de replanteo aínda non está asinada, a dirección de obra e a UTE formada por Covsa e EC Casas manteñen contactos permanentes para coordinar o desembarco das máquinas.

As primeiras tarefas centraranse na contorna da rúa Alcalde Hevia, onde se comezará coa instalación dos novos colectores de residuais.

O plan de obra contempla que estas novas canalizacións se sitúen por fóra do leito do río, discorrendo por ambas as dúas marxes.

Esta manobra previa é fundamental para poder desconectar as tubaxes actuais e proceder, posteriormente, ao levantamento da cobertura de formigón que oculta o río.

Un dos puntos que require maior sensibilidade nesta planificación é a presenza dos dous centros escolares de educación infantil e primaria na zona.

O Concello decidiu que os traballos non interfiran na actividade docente. Por este motivo, as máquinas operarán noutros puntos da contorna e non chegarán á área de influencia dos colexios ata que o curso escolar dea ao seu fin, adoptando nese momento as medidas necesarias para a conexión das redes de saneamento dos propios centros.

Malia que a tramitación administrativa se dilatou nos últimos meses, Mosquera sinalou que a propia empresa valora este atraso de forma positiva.

César Mosquera, concelleiro de Mobilidade
César Mosquera, concelleiro de Mobilidade  Antía Quinteiro García

Traballar na zona durante os meses de outono ou inverno, coa capa freática practicamente a rentes do chan, tería dificultado enormemente as escavacións, segundo aputnou César Mosquera. Coa chegada do bo tempo, as condicións do terreo son máis favorables para unha intervención desta envergadura.

O concelleiro recalcou a excepcionalidade técnica deste proxecto, cualificándoo como unha das obras máis complexas que se teñen executado no Estado. "Non se fixo ningunha intervención deste tipo en ningures", apuntou Mosquera, poñendo como exemplo que nin sequera as actuacións no río Manzanares, en Madrid, acadaron este nivel de recuperación ambiental nun contexto urbano.

Segundo as previsións expostas por Mosquera, a maior parte do material que se retire durante a reapertura do leito será reutilizado na propia zona, evitando o movemento masivo de entullos e minimizando o impacto ambiental e o tráfico de vehículos pesados polo centro de Pontevedra.

Cun orzamento superior aos 4,1 millóns de euros e un prazo de execución de 12 meses, a intervención ten previsto crear un novo corredor verde de 21.000 metros cadrados.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora