AGE esixe a Cuca que "repoña as obreiras nos seus postos da factoría de Vilaxoán"

O Salnés
24 de marzo 2014

Beiras e Fajardo reúnense coas traballadoras da conserveira e anuncian que "esiximos que a dirección da empresa aplique inmediatamente a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia". Denuncian que coa "absoluta complicidade" da Xunta de Galicia a empresa fai que oitenta empregadas fichen cada día en Vilaxoán e viaxen logo a traballar ao Grove

Xuntana de Xosé Manuel Beiras e Juan Fajardo con traballadoras de Cuca no Parlamento
Xuntana de Xosé Manuel Beiras e Juan Fajardo con traballadoras de Cuca no Parlamento / AGE

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) apoia todas e cada unha das accións das traballadoras da conserveira Cuca en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) en defensa dun traballo digno e anunciou que "esiximos que a dirección da empresa aplique inmediatamente a sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia" e "repoña as obreiras nos seus postos da factoría de Vilaxoán".

Así o manifestaron este luns o portavoz de AGE, Xosé Manuel Beiras, e o deputado de Vilagarcía Juan Fajardo logo de reunirse coas traballadoras de Cuca. Denunciaron que coa "absoluta complicidade" da Xunta de Galicia de Alberto Núñez Feijóo a propiedade de Cuca fai que oitenta empregadas fichen cada día en Vilaxoán e viaxen logo a traballar a O Grove.

"Isto é unha burla ao Estado de dereito. A compañía non aplica a legalidade e ademais acosa e persegue ás traballadoras que se negan a aceptar esta situación", sinalou Juan Fajardo.

AGE estará presente na manifestación organizada polas "vítimas do acoso patronal" o vindeiro 12 de abril en Vilagarcía de Arousa e Juan Fajardo anuncia que "rexistraremos iniciativas parlamentarias e faremos porque a voz das traballadoras de Cuca estea presente en Europa".

Para o deputado, é "impresentábel" a actitude do Goberno galego neste conflito: "Só a complicidade da Xunta do PP explica que a dirección de Cuca se permita non aplicar a sentencia do Tribunal Superior".