Agora si, instalan a árbore "boa" na Ferrería

Pontevedra
03 de decembro 2019

Xa está instalada na Praza da Ferrería a árbore de Nadal. Esta vez si, trátase da infraestrutura correcta, duns 20 metros de altura e subida a unha plataforma que permite acceder ao seu interior para poder facerse vistosas fotografías

Instalación da árbore de Nadal na Ferrería
Instalación da árbore de Nadal na Ferrería / PontevedraViva

Xa está instalada na Praza da Ferrería a árbore de Nadal. Esta vez si, trátase da infraestrutura correcta, duns 20 metros de altura e subida a unha plataforma que permite acceder ao seu interior para poder facerse vistosas fotografías.

A empresa de Puente Genil, Porgesa, ultima estes días a instalación de toda a decoración luminosa, despois de que as malas condicións climatolóxicas da pasada semana impedisen traballar con seguridade.

Serán instalados nas rúas e prazas da Boa Vila 186 arcos, 167 farois, nove letreiros, dúas árbores e dúas bólas de catro metros cada unha. En conxunto suman preto dun millón de leds.

A instalación da árbore da Ferrería estivo supervisada por numerosos pontevedreses interesados en comprobar que a empresa cordobesa acertaba coa infraestrutura destinada para a emblemática praza. E é que deu para moitas bromas o erro da adxudicataria do contrato da iluminación festiva ao montar unha árbore de 12 metros que fora deseñado para Curros Enríquez.

O acendido oficial levarase a cabo o próximo 5 de decembro na Ferrería.