Agosto comeza con 41 persoas hospitalizadas e 2.947 casos covid activos na área sanitaria

Pontevedra
01 de agosto 2021
Actualizado: 16:24

Rexístrase un descenso tanto de hospitalizacións como de casos activos durante os últimos dous días na zona de Pontevedra - O Salnés. A Consellería de Sanidade notifica que, nas últimas 24 horas, detectáronse 95 novos casos nas probas diagnósticas de infección activa

Xente paseando por Lourido con máscaras
Xente paseando por Lourido con máscaras /

A área sanitaria de Pontevedra - O Salnés rebaixou o número de pacientes ingresados por covid. Pasouse de 45 o sábado a 41 este 1 de agosto, dos que 35 se atopan en planta de hospitalización repartidos 26 no Hospital Montecelo, seis no Hospital do Salnés e 3 no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez. A estes pacientes hai que sumar os seis que se atopan na Unidade de Coidados Críticos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, os mesmos que hai 24 horas.

O número de casos activos tamén descendeu. Este domingo cuantifícanse 2.947 na área sanitaria, 68 menos que na xornada do sábado cando se detectaron 3.015 positivos. 2.906 recupéranse nos seus domicilios.

Nas últimas horas rexistrábase un novo falecemento con coronavirus, o dunha muller de 92 anos, que presentaba  patlogías previas e que perdía a vida no Hospital do Salnés. Trátase da vítima número 185 como consecuencia da pandemia. Desde que comezou o plan de continxencia curáronse 16.112 pacientes.

Segundo a Consellería de  Sanidade nas últimas 24 horas, detectáronse 95 novos casos nas probas diagnósticas de infección activa. Realizáronse 795 probas PCR, segundo as mesmas fontes.

O municipio de Pontevedra rexistra este domingo 846 casos positivos, vinte menos que durante o sábado.

GALICIA

O número de casos activos en Galicia durante este 1 de agosto sitúase en 18.964, 95 máis que durante o sábado. Rexístranse 1.300 positivos novos por covid-19 nas últimas 24 horas na comunidade. Trátase de 129 contaxios diarios máis que no último día de xullo e 70 menos que os detectados durante o último domingo de xullo, hai unha semana.

A morte da muller de 92 anos no Hospital do Salnés eleva o número de falecementos en Galicia desde o inicio da pandemia a 2.461 persoas. Curáronse 136.806 pacientes, dos que 1.204 corresponden ás últimas horas. A pandemia deixou 25 falecementos durante o mes de xullo en Galicia.

44 pacientes atópanse na UCI, catro máis que o sábado; 272 en unidades de hospitalización, 15 máis; e 18.648 recupéranse nas súas vivendas.

A incidencia acumulada a 14 días ascende este domingo a 647,85 casos por cada 100.000 habitantes mentres que a 7 días, a incidencia descende a 311,41. 

Por áreas sanitarias, os casos covid repártense desta forma: Vigo: 4.684 (+145); A Coruña-Cee: 3.946 (+119); Pontevedra-O Salnés: 2.947 (-68); Santiago-O Barbanza: 2.293 (-31); Lugo: 2.266 (+48); Ourense: 1.871 (-112); e Ferrol: 957 (-6)