Os datos de ocupación e consumo do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS) correspondentes ao pasado mes de agosto 2017 marcan cifras de récord.
Os datos resultantes das consultas efectuadas a 89 empresas de Sanxenxo asociadas a CETS sitúan a ocupación hostaleira nun 91,07 %, fronte a un 87,77 % do agosto pasado e do 83,3 % do mesmo mes do 2015.
En canto aos datos de consumo mantense unha subida considerable no mesmo. O sector da restauración, lecer e oferta complementaria valoran nun 4,26 o índice de consumo nunha escala do 1 ao 5.
O presidente do CETS, Francisco González sinala que "con toda probabilidade, o ano 2017 marcará un novo teito histórico na afluencia de turistas a Sanxenxo". Apunta ademais que "Galicia como destino deu un salto cualitativo na profesionalización do sector e desde o punto de vista empresarial".
Os empresarios do CETS veñen insistindo na necesidade de falar de rendibilidade, "aínda que é certo que empezaron a detectar un leve aumento do REVPAR durante xullo e agosto, (abreviatura do inglés Revenue Per Available Room, ingreso por habitación dispoñible) e non só de afluencia, de calidade e non só de cantidade, neste sentido, hai que sinalar que debemos seguir traballando por esa rendibilidade aínda lonxe das marxes necesarias", afirmou Francisco González.
Durante os anos da crise, o sector estivo obrigado a realizar grandes esforzos en axustar os seus custos ante unha nova realidade, máis competitiva en prezos. "O noso reto será xerar máis actividade para consumir en destino, e reforzar o atractivo de Sanxenxo ao longo de todo o ano", engadiu.
A ocupación foi moi alta ata o 27 de agosto, estes últimos días descendeu de forma abrupta o que baixou a media, debido a que o 31 de agosto foi un xoves e a xente adiantou a súa saída ao domingo 27. De igual forma detectáronse moitos clientes que veñen descubrir Sanxenxo por primeira vez e notouse un aumento importante de clientes que solicitan servizos extras á hora de contratar a súa estancia en Sanxenxo.
Desde o CETS indican que tamén sobresae o incremento importante de clientes estranxeiros, cunha maioría de turistas portugueses, pero en crecemento o mercado alemán, ínguas, francés e italiano e mesmo estadounidense. Así mesmo o sector turístico de Sanxenxo pon en valor que os clientes volven reservar cunha maior antelación con respecto a anos anteriores.
Finalmente o CETS conclúe que "a marca Sanxenxo como destino turístico segue sendo o noso maior capital". Por iso é polo que destaquen a importancia de mellorar a promoción e comercialización turística da mesma, "apostando pola continuidade na promoción da marca Sanxenxo como un dos destinos turísticos máis importantes do norte de España, traballando conxuntamente coas distintas administracións como son o Concello de Sanxenxo a través de Turismo de Sanxenxo, S.L., a Deputación de Pontevedra a través de Turismo Rías Baixas e a Axencia de Turismo de Galicia".