Agride un policía tras causar numerosos altercados polo centro histórico de Pontevedra

Pontevedra
17 de xullo 2026

O arrestado, que mostraba unha actitude agresiva, causou lesións nunha perna a un dos policías que acudiron á zona. Está acusado dun delito de atentado contra un axente da autoridade

Policía Local de Pontevedra na rúa Sarmiento, no centro histórico
Policía Local de Pontevedra na rúa Sarmiento, no centro histórico / Mónica Patxot

A Policía Local de Pontevedra detivo un home que, tras provocar varios altercados polas rúas do centro histórico da cidade, acabou agredindo un dos axentes que acudiu en resposta a eses incidentes.

Os feitos producíronse na madrugada do pasado mércores 15 de xullo.

Sobre as dúas da madrugada, unha patrulla policial acudiu á Rúa Isabel II, onde segundo as chamadas de alerta, un home agredira a outra persoa.

Varias testemuñas explicaron aos axentes que este individuo, baixo os efectos do alcol ou das drogas, causara altercados na rúa e pegara a varios viandantes.

Esta persoa, segundo informa a Policía Local, seguía na zona e mantivo en todo momento un comportamento desafiante cos axentes.

Así, durante o proceso de identificación, esta persoa deitouse no chan mentres profería insultos contra os policías.

Para evitar máis incidentes, os axentes decidiron acompañalo até a súa casa.

Pero cando o coche policial iniciou a marcha para continuar patrullando, o home botouse sobre o capó e, tras ser retirado do coche, deitouse de novo no chan para obstaculizar o paso do vehículo.

Ademais, propinou varias patadas, alcanzando un dos axentes na coxa dereita.

Ante esta situación, a Policía Local procedeu á súa detención por un delito de atentado contra un axente da autoridade e será sancionado pola vía administrativa polos insultos dirixidos aos integrantes da patrulla.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora