Agustín Fernández invita á Xunta de Galicia a retomar as obras sanitarias en Pontevedra "agora que o Sergas é rico"

Pontevedra
24 de febreiro 2015

O concelleiro pontevedrés critica que se anuncien investimentos millonarios mentres non se atenden as infraestruturas básicas

Hospital Montecelo
Hospital Montecelo / PontevedraViva

O anuncio por parte do presidente da Xunta de Galicia de que o Sergas vai gastar 20.000 millóns de euros nos seis próximos anos é "unha nova burla do Goberno galego aos pontevedreses" segundo o concelleiro pontevedrés Agustín Fernández que afirma que "se o Sergas é ⿿rico⿿ xa non cabe ningunha razón para que siga a aprazar a necesaria reforma do sistema de atención primaria e especializada na área sanitaria Norte da provincia e, moi especialmente, na cidade de Pontevedra".

O responsable socialista lembra que o seu grupo municipal leva anos reclamando unha planificación sanitaria seria para a área de Pontevedra, baseada nun gran hospital único de agudos en Montecelo, un gran Centro de Especialidades e de acollida de crónicos no Hospital Provincial e, finalmente, a reconversión da Casa do Mar de Mollavao no cuarto Centro de Saúde que completaría a rede de Atención Primaria na cidade.

"Unha planificación máis austera e racional que o espellismo do hospital do Monte Carrasco anunciado pola Xunta coincidindo co lanzamento de Telmo Martín como candidato á Alcaldía en 2007", recalca Tino Fernández. "Hoxe, coa crise económica lonxe de remitir e Martín de volta en Sanxenxo, cómpre que a Xunta volva tamén ao sentido común e abandone a demagoxia e a dinámica partidista do enfrontamento institucional", engade o alcaldable do partido sociaista.

Remata Agustín Fernández, sinalando que "lamentablemente todo o mundo sabe xa que os anuncios da Xunta de Galicia carecen de credibilidade, e máis se se fala de sanidade pública. A realidade que poden agardar os pontevedreses, se o Partido Popular continúa no Goberno galego ata 2020, é que Pontevedra seguirá carecendo da atención sanitaria que precisa e os seus pacientes derivados, como cidadáns de segunda, aos centros de referencia de Vigo ou Santiago".