Ainhoa Fervenza pon en valor as axudas do Goberno a Sanxenxo e asegura que creará vivenda pública no Revel

Sanxenxo
11 de abril 2023

A candidata do Partido Socialista á Alcaldía de Sanxenxo estivo este martes en Vilalonga cos deputados do PSdeG no Congreso Olga García Alonso, Ángeles Marra e Guillermo Meijón, e a senadora Marica Adrio

Visita do PSOE aos terreos do Revel
Visita do PSOE aos terreos do Revel /

A candidata do Partido Socialista á Alcaldía de Sanxenxo, Ainhoa Fervenza puxo en valor a dotación económica que a través do Goberno de Pedro Sánchez, vai chegar ao Concello para a rehabilitación do antigo CEIP O Cruceiro, en Vilalonga.

A portavoz socialista destacou que "a dotación económica de dous millóns de euros para esta rehabilitación sería impensable sen unha administración transparente que dota de recursos a poboacións que o necesitan e o merecen, coma Sanxenxo, sen importarlle quen a goberne".

Fervenza estivo este martes nesta parroquia sanxenxina cos deputados do PSdeG no Congreso Olga García Alonso, Ángeles Marra e Guillermo Meijón, e a senadora Marica Adrio.

Os representantes socialistas recordaron que este centro estará composto por un ciclo de FP dual de hostalería e restauración, e demandaron que se consiga o ciclo completo, é dicir, o ciclo medio e superior.

Aproveitando a visita dos deputados e a senadora a Sanxenxo, Fervenza amosoulles os terreos no Revel onde "impulsará a creación de vivenda pública adicada á compra e o aluguer".

Ainhoa Fervenza considera que "este lugar, preto dos colexios e o centro de saúde, favorecerá que o noso Concello e en concreto a parroquia de Vilalonga volva a ter o impulso que está agardando dende fai anos a súa veciñanza".