A Deputación de Pontevedra e a plataforma Airbnb van colaborar neste mes de xuño ao abeiro do programa TurisTIC, de SmartPeme, na organización de catro accións formativas para fomentar o emprego das novas tecnoloxías, impulsar a dixitalización do turismo no rural, fomentar as viaxes sostibles e axudar ás empresas a atender ás novas tipoloxías de persoas viaxeiras que existen na contorna dixital.
Deste xeito, os días 15, 16, 22 e 23, de xuño, entre as 10 e as 11 da mañá, terán lugar os seminarios dixitais gratuítos a cargo da plataforma sobre a creación e optimización de anuncios de aloxamentos, actividades, visitas guiadas e experiencias.
As accións, nas que xa é posible inscribirse na web de SmartPeme, van dirixidas a persoas emprendedoras, autónomas e pemes do sector turístico.
A presidenta da Deputación Carmela Silva destacou a "firme aposta" da institución provincial "pola dixitalización e pola intelixencia máis nun sector, como o turístico, que debe ter unha estreita relación coa tecnoloxía".
Pola súa banda Mónica Casañas, directora xeral de Airbnb Marketing Services S.L. asegurou que "as liñas divisorias entre viaxar, vivir e traballar estanse a difuminar e en Airbnb trabállase para que as persoas anfitrioas e as comunidades locais, especialmente as que se atopan en zonas rurais, poidan beneficiarse desta nova realidade".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.