A Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra (AJE) amplía as súas instalacións. Farao con novos proxectos en Marín, Vilagarcía e Lalín. Serán viveiros de empresa que estarán relacionados coas actividades económicas de referencia de cada unha destas localidades.
No caso de Marín, segundo avanzou a presidenta da asociación, Lucía Pedroso, estará enfocado á actividade do porto e das súas empresas auxiliares. A propia Autoridade Portuaria, xunto á Zona Franca de Vigo, colabora con este novo proxecto emprendedor.
Este viveiro de empresa situarase no parque de Cantodarea, nun local cedido polo porto. Ademais de reservar espazo para proxectos emprendedores relacionados coas actividades económicas de toda esta área, crearase unha zona de showcooking -solicitada polas empresas instaladas no porto- e un espazo de coworking.
AJE Pontevedra espera que este proxecto, que xa está deseñado e presentado ás diferentes administracións involucradas, poida ser unha realidade ao longo de 2016.