Alberte Fernández e Sabela Bará, novos responsables de Galiza Nova Pontevedra

Pontevedra
30 de decembro 2014

Unha asemblea aberta celebrada nos últimos días acabou por elixir a Alberte Fernández e Sabela Bará como responsable comarcal e responsable de Organización, respectivamente. Serán os dous principais dirixentes desta organización

Sabela Bará e Alberte Fernández, novos responsables de Galiza Nova Pontevedra
Sabela Bará e Alberte Fernández, novos responsables de Galiza Nova Pontevedra / Galiza Nova

As mocidades do BNG teñen novos referentes na comarca de Pontevedra. Unha asemblea aberta celebrada nos últimos días acabou por elixir a Alberte Fernández e Sabela Bará como responsable comarcal e responsable de Organización, respectivamente. Serán os dous principais dirixentes desta organización.

Así mesmo, María Pousada foi reelixida responsable da Asemblea comarcal de Mulleres e Manuel Fariña será o encargado de ostentar a responsabilidade local do Umia.

Os catro coincidiron en que é un reto que afrontan con ilusión. Alberte Fernández sinalou que Galiza Nova estase a converter nunha organización "máis dinámica e máis activista" e con capacidade para achegar a mocidade ao proxecto do nacionalismo e do BNG "no que cremos e ao que queremos chamar a mozas e mozos de Galicia para construír un país con futuro e traballo, no que non nos condenen á emigración". 

No período que comeza, as mozas e mozos do BNG afirman que continuarán a traballar na defensa do estudantado, dos servizos públicos, dos dereitos reprodutivos das mulleres e do dereito ao traballo digno, entre outros, pois din estar "convencidos de que hai moita ilusión por mudar este sistema putrefacto que nos oprime".