O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, anunciou este venres que gobernará en minoría este mandato "a semana que vén arrincaremos cun goberno que só vai estar formado por edís do Partido Socialista", informou.
Non haberá pacto de goberno co BNG aínda que negociarán algúns acordos puntuais "as negociacións continúan paro xa existe unha decisión tomada, a de que gobernaremos en minoría", informou o alcalde nunha comparecencia.
Deste xeito Alberto Varela repite a experiencia de ano 2015, cando gobernaron os socialistas en solitario pechando acordos co resto de formacións políticas para garantir a gobernabilidade.
"A cidadanía de Vilagarcía apostou pola pluralidade e iso lévanos a ter un mandato de diálogo constante; teremos que limar diferenzas políticas e achegar os nosos programas, pero imos estar abertos a un diálogo permanente", dixo Varela.
A organización do goberno local darase a coñecer a próxima semana.