ALCER Pontevedra pide máis concienciación sobre a saúde renal

Pontevedra
12 de marzo 2026
Actualizado: 13 de marzo

Con motivo do Día Internacional do Ril, a Asociación de Loita Contra as Enfermidades do Ril, ALCER Pontevedra, ofreceu un espazo con mesas informativas no Hospital Provincial

Persoal de ALCER no Hospital Provincial

Con motivo do Día Internacional do Ril, a Asociación de Loita Contra as Enfermidades do Ril, ALCER Pontevedra, ofreceu un espazo con mesas informativas no Hospital Provincial. 

A presidenta de ALCER en Pontevedra, Nuria Cruz, orientou sobre o crecente impacto desta enfermidade e da necesidade de concienciación social e apoio aos pacientes.

Na provincia de Pontevedra calcúlase que ao redor de 700 persoas conviven con esta enfermidade. Esta cifra, segundo afirma Nuria Cruz, está moi relacionada cos hábitos de vida.

Entre as principais causas indica a obesidade, o tabaquismo, a vida sedentaria e a diabetes, resaltando que aproximadamente o 50% das áreas de diáleses son como consecuencia da diabetes.

O diagnóstico supón unha carga emocional para moitas persoas. A presidenta da asociación explica que ao redor dun 37% dos pacientes cae en depresión tras coñecer que padecen a enfermidade, maiormente porque se trata dunha patoloxía crónica que ten un tratamento complicado.

Entre as opcións terapéuticas atópase a diálese domiciliaria diaria ou acudir ao hospital varias veces por semana.

A asociación ofrece asesoramento dun traballador social, nutricionista, psicóloga e terapeuta ocupacional, recursos nos que "as veces na sanidade hai listas de espera longas" afirmo Cruz , e os pacientes necesitan asesoramento para adaptarse á nova situación que afrontan.

Ademais, a entidade desenvolve accións de sensibilización durante todo o ano. No Día Internacional instalaron mesas informativas en Pontevedra, Vilagarcía e Vigo, coa finalidade de previr e informar a poboación sobre a enfermidade e a importancia de coidarse.

Persoal de ALCER no Hospital Provincial Antía Quinteiro García

Un dos maiores retos para os pacientes é manter a súa vida cotiá a pesar das limitacións da enfermidade. Desde a asociación insisten nunha idea clave: "Adecuar o tratamento a túa vida, non a túa vida ao tratamento".

Por iso, Nuria Cruz insiste á poboación en que preste máis atención á saúde renal, mesmo en revisións rutineiras. "Cando fagades analíticas, preguntade como están os vosos riles", recomenda.

Tamén recalca a importancia da doazón de órganos, sangue e médula. Para quen espera un transplante, a chamada que anuncia un órgano compatible ten unha carga emocional enorme. "O día que chaman, choras de felicidade por outra persoa", sinala Nuria Cruz .