"Que ganas tiña de dar un premio así!", asegura Carmela Díaz, propietaria da administración de lotería número 4 de Pontevedra. Alí selouse un dos dous boletos acertantes de máxima categoría no sorteo da Bonoloto deste xoves.
O afortunado gañador acertou os seis números da combinación gañadora, 8 - 9 - 13 - 18 - 23 - 25, e recibirá un premio de 606.718 euros.
A loteira, que desde 2004 rexenta esta administración situada na Avenida Raíña Vitoria -que anteriormente foi da súa nai-, afirma que dar este premio "fíxome moitísima ilusión" porque é a primeira vez que reparte sorte a este nivel.
Dera algunha quiniela de 15, "pero do resto quedárame sempre en 5 acertos e o complementario, como máximo", explica Carmela Díaz, que sospeita que o gañador ou gañadora pode ser un dos seus clientes habituais.
"Se fora a semana anterior podería ser un turista, pero esta semana ten que ser de aquí. Aínda que tamén é certo que aquí hai moita xente de paso", subliña.
Iso si, ten claro o método que empregou. Cubriu unha Bonoloto semanal de dúas apostas e encheuna de maneira manual "pero non se cando a fixo".
A titular da administración pontevedresa subliña que un premio destas características "sempre anima moito as vendas", polo que confía en que "a sorte atraia máis sorte".