Alerta polo crecente número de casos de violencia machista entre menores de idade

Pontevedra
03 de xuño 2022

A subdelegada Maica Larriba reuniuse coa delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero, Victoria Rosell, a quen lle trasladou os datos e con quen visitou a sede da ONG Faraxa pola Abolición da Prostitución

Maica Larriba, subdelegada do Goberno
Maica Larriba, subdelegada do Goberno / Mónica Patxot

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba mostrou preocupación polo aumento dos casos de violencia machista entre a poboación máis nova.

Concretamente, adiantou que no que vai de 2022 se rexistraron no sistema Viogén 6 casos nos que os autores foron menores de idade, mentres que no mesmo período de 2021 só se tiña rexistrado un caso. 

Ademais, déronse de alta outras 6 vítimas de violencia machista menores de 18 anos entre xaneiro e maio, o dobre que no mesmo período do ano pasado. 

En total, hai actualmente 9 vítimas menores en seguimento no sistema VioGén.

Ante estas cifras, Maica Larriba reclamou "non baixar a garda nin permitir discursos negacionistas" e apelou a "seguir traballando, particularmente nos centros de ensino, para que a poboación escolar se conciencie e recoñeza, entre outras cuestións, que non todas as violencias contra a muller inclúen agresións físicas".

A subdelegada tamén informou de que en toda a provincia hai actualmente un total de 1.324 casos activos de violencia de xénero en seguimento no sistema VioGén, con 1.295 vítimas e 1.294 autores.

Maica Larriba mantivo este xoves unha reunión de traballo e coordinación coa delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero, Victoria Rosell, e coas xefas das Unidades sobre Violencia contra a Muller das catro Subdelegacións provinciais. No encontro deulle traslado dos datos a nivel provincial desta lacra social correspondentes aos cinco primeiros meses do ano.

De maneira previa á reunión, Maica Larriba e Victoria Rosell realizaron unha visita á sede da Asociación Faraxa pola Abolición da Prostitución, unha ONG que traballa con mulleres vítimas de violencia de xénero, especializada en mulleres en situación de explotación sexual e trata de seres humanos.