Alerta pola prestación sanitaria estival en O Grove: cinco médicos para unha poboación flotante de máis de 40.000 persoas

O Salnés
22 de xullo 2026
Actualizado: 11:56

O alcalde urxe á xerencia da área sanitaria e á Consellería de Sanidade que adopten con urxencia as medidas necesarias para evitar problemas na Atención Primaria en agosto

Nova consulta no centro de saúde do Grove Consellería de Sanidade

O alcalde de O Grove, José Cacabelos, solicita á xerencia da área sanitaria de Pontevedra-Salnés e á Consellería de Sanidade que adopten con urxencia as medidas necesarias para evitar que se poidan producir problemas na Atención Primaria.

Isto é debido á cobertura asistencial que o próximo agosto terá o centro de saúde deste concello.

De acordo á información da que dispón o goberno meco, unicamente durante dez dos 31 días de agosto haberá un médico para desprazados. Isto é, un facultativo para atender a aquelas persoas que neste período estival están instaladas no Grove.

Contextualizando a tesitura, o alcalde lembra, por unha banda, que "houbo anos que había dous médicos desprazados" e por outra que no O Grove "pode haber unha poboación constante en agosto de máis de 40.000 persoas e as fins de semana superar os 50.000".

Para atender á poboación, preto de 11.000 habitantes, o centro de saúde de O Grove ten adscritos sete médicos. Con todo, na práctica hai cinco facultativos dado que "hai dúas baixas de longa duración que xa son coñecidas desde hai tempo pola xerencia da área Sanitaria e non se están tomando medidas".

Outra circunstancia que denuncia o rexedor socialista é que tampouco se dispón dunha ambulancia medicalizada ante unha poboación flotante tan elevada.

Lembra que esta tesitura estival non é algo novo: "O Grove é un destino que acumula moita poboación, vimos sempre reclamando que se ten que reforzar e o que se fai é diminuír".

E alerta que a situación no centro de saúde "é insostible".

"Non entendemos esta xestión, hai outros concellos limítrofes connosco que non teñen ningún problema", sentenciou Cacabelos.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora