Un incendio forestal que comezou de madrugada en Meaño puxo en alerta aos servizos de emerxencias.
O lume, segundo as estimacións oficiais, xa arrasou máis de 60 hectáreas. Ás 20.07 horas quedou estabilizado
As chamas, informou Medio Rural, detectáronse sobre as 00:11 horas nunha zona arboredo da parroquia de Xil.
Ás dúas da madrugada, o lume xa era visible desde diversos puntos das rías de Pontevedra e Arousa e achegábase a terreos do municipio de Sanxenxo.
O fume, ademais, é perceptible desde amplas zonas da área de influencia de Pontevedra.
As tarefas de extinción do incendio non están a ser fáciles debido ao vento que soprou durante a noite e os efectivos despregados sobre o terreo traballan sen descanso.
Até a zona, Medio Rural mobilizou, por agora, cinco axentes forestais, seis brigadas, dez motobombas, tres pas e catro unidades técnicas de apoio.
Ademais, desde o Concello de Sanxenxo confirman que tamén se desprazaron á zona efectivos do seu servizo municipal de emerxencias.
A Xunta de Galicia lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085 ao que deben chamar en caso de detectar algún incendio forestal.
Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.