Alertan da perigosidade do estado actual da pasarela peonil de Estribela

Pontevedra
16 de maio 2014

A pasarela ten a estrutura de madeira deteriorada, fáltanlle anacos, outros están podres e as puntas e parafuxos oxidados están ao ar libre en moitos tramos. Este estado de abandono e a conseguinte perigosidade denúnciaos o Colectivo Nacionalista de Marín, que demanda o seu arranxo

Pasarela peonil de Estribela
Pasarela peonil de Estribela / Colectivo Nacionalista de Marín

A pasarela peonil que une o barrio de Estribela coa zona que os veciños coñecen como 'paseo do colesterol' ten a estrutura de madeira deteriorada, fáltanlle anacos, outros están podres e as puntas e parafuxos oxidadas están ao ar libre en moitos tramos. Este estado de abandono e a conseguinte perigosidade denúnciaos o Colectivo Nacionalista de Marín, que demanda o seu arranxo. 

O voceiro da agrupación, Pedro Cortegoso, indica que desde a instalación desta pasarela, a administración ou organismo público competente non fixo ningún tipo de mantemento ou reparación nesta infraestrutura, chegando ao estado de abandono e deterioro actual.

Esta pasarela na actualidade supón un perigo para todas as persoas que se aventuren a transitar por ela, xa que se arriscan a caír, pinchar unha man ou unha perna cunha punta oxidada e mesmo colarse por algunha madeira que rache ao pisala.

Dende o colectivo demandan da Administración responsable unha "actuación inmediata" de reparación "antes de que teñamos que lamentar un desagradable accidente", ao tempo que denuncian que alguén se dedica a quitar as pancartas que colocan alí as diversas asociacións e colectivos. Ademais, fan un chamamento aos concellos de Marín e Pontevedra para que se dirixan a quen consideren oportuno e reclamen unha solución a esta situación de precariedade.