Alertan de que 4.000 veciños de Marín quedarán sen médico de tarde este verán

Marín
02 de xullo 2022

Neste centro de saúde había tres médicos que pasaban consulta na quenda de tarde e 11 na quenda de mañá e desde o 1 de xullo pasará a haber seis menos porque o centro comezou xullo cunha xubilación, 1 baixa e 4 facultativos de vacacións sen cubrir.  Denuncian que o vindeiro mércores 6 de xullo non haberá médico en Seixo

Centro de Saúde de Marín
Centro de Saúde de Marín / PontevedraViva

A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo denuncia que o centro de saúde de Marín "non terá médico na quenda de tarde", unha situación que afectará a 4.000 veciños e veciñas durante todo o verán.

Desde a plataforma, que agrupa a 21 colectivos das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, en Marín, explican que neste centro de saúde había tres médicos que pasaban consulta na quenda de tarde e 11 na quenda de mañá, o que significaba que había 14 médicos de cabeceira.

Agora, haberá seis menos porque o centro comezou xullo cunha xubilación, 1 baixa e 4 facultativos de vacacións sen cubrir

A plataforma atribúe esta situación á "política de non cubrir permisos, baixas nin vacacións" do Servizo Galego de Saúde, que "está a levar a un deterioro moi grave na sanidade marinense".

Segundo denuncian, elimináronse tres médicos da quenda de tarde e pasáronos para a mañá, repartindo os cupos de pacientes sen médico da mañá entre os facultativos existentes, o que vai aumentar o tempo de espera para unha cita. En total, segundo os cálculos da plataforma, entre o 1 de xullo e o 15 de setembro, 4.000 persoas que escolleran a quenda de tarde no centro de saúde de Marín quedan sen ela.

A situación tampouco é boa en Seixo, pois, segundo alertan, "hai previsión de que nos deixen 1 médico para 2.200 persoas e a poboación turista" e, ademais, o vindeiro mércores 6 de xullo haberá ningún médico e o centro quedará tan só cun enfermeiro e unha administrativa.

Dende a Plataforma lamentan que despois dun ano de protestas e denuncias, a alcaldesa de Marín, María Ramallo, e o seu goberno "sigan ignorando os problemas sanitarios da veciñanza" e anuncian que "se estes recortes non se rectifican, haberá máis protestas".