Alertan dunha posible perda de area na praia de Pescadoira se Portos de Galicia desmonta o espigón

Bueu
11 de outubro 2020

A asociación ecoloxista de Bueu Anduxía presentou alegacións ante o grave risco da estabilidade da praia na zona leste. O colectivo solicita que se leve a cabo o proxecto previsto por Portos de Galicia sen desmontar o espigón do Peirao do Curro e sen que se retiren as pedras existentes na zona alta da praia

Plano do dique que se pretende desmontar
Plano do dique que se pretende desmontar / Asociación Ecoloxista Anduxía

A asociación ecoloxista de Bueu Anduxía presentou alegacións ao proxecto de construción estabilización da praia de Pescadoira en Bueu, que pretende realizar Portos de Galicia da Xunta. 

Este colectivo afirma que é moi positivo que o ente público pertencente á Consellería  do Mar acometa esta estabilización da zona oeste da praia, porque é unha antiga demanda veciñal e de Anduxía.

Con todo, sinalan que o proxecto contempla a construción dun espigón  oblículo ao existente baixo o  Peirao  do Curro recolocando a area existente, pero coa intención de desmontar parcialmente ese espigón actual semimergullado. Tamén se recolle dentro do proxecto a retirada das pedras existentes na zona alta do areal, xunto ao muro do paseo na zona central da praia. 

A asociación  Anduxía entende que esta actuación poñería en grave risco a estabilidade da praia nesa zona este de forma que se perda area cara ao lado oeste. Alegan que o principio de precaución aconsella non intervir nesta zona xa estabilizada. Indican que esta actuación tamén supoñería a perda da oportunidade de gañar máis praia seca, durante a marea alta, na zona se nun futuro lógrase  recrecer a praia con máis area.

Os representantes do colectivo ecoloxista solicitan que leve a cabo o proxecto sen desmontar o espigón existente no  Peirado  do Curro para manter a estabilidade da praia este lograda no ano 2009.

Tamén piden que non se retiren as pedras existentes na zona alta do areal, por estar próximas ao muro do paseo. Entenden que estas pedras actúan para frear a  basculación da area cara a pártea oeste e ofrece estabilidade ao muro do paseo. Consideran que esas pedras  serviriían de base de seguridade para a nova praia e quedarían tapadas pola area.