Alertan dun "plan de recortes" en Ence con catro novos despedimentos nunha empresa auxiliar

Pontevedra
17 de outubro 2025
Actualizado: 17:11

O comité de empresa de Ence sinala a dirección da pasteira como responsable desta situación nun contexto no que denuncian incumprimentos laborais e risco para os traballadores

Protesta do comité de empresa de Ence
Protesta do comité de empresa de Ence / PontevedraViva

O comité de empresa de Ence Pontevedra denunciou publicamente que o mércores 15 de outubro, catro traballadores auxiliares da empresa EULEN na fábrica de Lourizán recibiron a comunicación do seu despedimento.

Segundo o comité, estes despedimentos enmárcanse nun "plan demencial de recortes" impulsado pola dirección de Ence, sobre o cal a empresa "segue negando información e xustificación".

A situación incrementa as últimas críticas por parte dos representantes sindicais, que alertan sobre o estado da limpeza industrial e das áreas de persoal, cualificándoas de "lamentables".

Este escenario, aseguran, provoca "graves situacións de exposición a riscos, inseguridade e insalubridade" para os traballadores e as instalacións, afirmando que "Ence Pontevedra non é un lugar nin limpo nin seguro para traballar".

O comité de empresa tamén sinalou o "incumprimento reiterado" por parte de Ence dos requirimentos da Inspección de Traballo, derivados das súas constantes denuncias. Ademais, acusan a dirección de vulnerar o acordo de desconvocatoria da folga en xaneiro, no que se estipulou un "reforzo urxente do servizo de limpeza".

Un caso particular que foi destacado é o dunha das traballadoras despedidas, quen, segundo a denuncia do comité de empresa en xaneiro deste ano, era vítima de "discriminación salarial por cuestión de xénero". Esta discriminación manifestábase na negación dun complemento salarial por toxicidade que percibe a totalidade do persoal masculino de EULEN na fábrica, segundo expoñen.

O comité de empresa considera estes recortes como un "ataque sen escrúpulos" ás condicións laborais dos traballadores, cualificándoos de "temeridade e neglixencia de xestión da dirección sobre as instalacións e os seus riscos". Así mesmo, atopan nestas accións unha "evidencia da cada vez máis cuestionable propaganda sobre o compromiso de Ence coas persoas e a comarca de Pontevedra".

RESPOSTA DE ENCE

Desde a dirección de Ence afirman que "continúa avanzando na optimización dos seus procesos e recursos, co obxectivo de reforzar a competitividade do seu negocio de Celulosa".

No ámbito de colaboración con provedoras, a compañía indica que "Ence está impulsando iniciativas para mellorar a eficiencia operativa. Como resultado deste traballo, a empresa responsable do servizo de limpeza implementou melloras nos seus procesos, métodos e medios de limpeza, o que permitiu automatizar e optimizar os servizos ofrecidos polo provedor. En ningún caso se reduciu o alcance".

Este tipo de iniciativas enmárcanse dentro dun plan global de Ence, segundo a entidade pasteira, para optimizar custes mediante automatización e dixitalización, revisión e optimización de procesos, eliminación de ineficiencias ou redistribución de funcións.