No acto con motivo do día en homenaxe ás vítimas da Guerra Civil e a ditadura, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou este martes que o Goberno despregará unha campaña de conmemoración dos 50 anos da morte de Franco que estenderá ao longo de 2025 e que se concretará en "máis dun centenar de actos".
Durante o acto homenaxeouse a escritores como Miguel Hernández, Vicente Aleixandre e María Zambrano, políticos como Blas Infante, Alexandre Bóveda e Julián Zugazagoitia, xuristas como Francisco Javier Elola, mestres e profesores como Joaquín Amigo ou Justa Freire, artistas como Miguel de Molina e militares como Xosé Fortes.
O ministro de Política Territorial e Memoria Democrática, Ángel Víctor Torres, e o presidente do Goberno foron os encargados de entregar as declaracións de reparación a unha vintena de vítimas da Guerra Civil e o franquismo ou os seus familiares coas que recoñece oficialmente que o foron.
Pedro Sánchez explicou que a conmemoración se traducirá en "máis dun centenar de actividades culturais e eventos de diversa índole que alagarán as nosas rúas, escolas, universidades e museos, a partir do 8 de xaneiro".
Para articular o seu desenvolvemento, o Goberno creará un comisionado especial, nomeará un comité científico formado por expertos de recoñecido prestixio, e colaborará con todas as administracións públicas na execución dun extenso programa de actividades, cuxos detalles se darán a coñecer no principio do ano no acto de arranque da celebración.