Alfonso Rueda: "Con esta reforma, seguro que Pontevedra non vai perder ningún órgano xudicial"

Pontevedra
07 de agosto 2014

 O vicepresidente asegurou, fronte ás críticas de Antón Louro, que o peso de Pontevedra no mapa xudicial provincial "dende logo, non empeora nin moitísimo menos". Con esta nova Lei Orgánica vaise realizar unha nova organización coa creación de Tribunais de Instancia Provinciais, pero "iso non vai supoñer en ningún caso que Pontevedra perda un so órgano xudical"

Visita de Alfonso Rueda e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, á sede de E-Natura Ingeniería
Visita de Alfonso Rueda e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, á sede de E-Natura Ingeniería / Xunta de Galicia

A última rectificación do proxecto de Lei Orgánica do Poder Xudicial polo que se manteñen todos os partidos xudiciais ademais da creación de novos Tribunais de Instancia Provinciais non afectará negativamente á capital da provincia, senón que "con esta reforma, seguro que Pontevedra non vai perder ningún órgano xudicial". Así o interpreta o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Administracións Públicas, Alfonso Rueda, fronte á crítica realizada nos últimos días polo tenente de alcalde, Antón Louro, de que "es la única de las siete ciudades gallegas que pierde gran parte de su peso sin ganar nada a cambio".

Alfonso Rueda realizou estas declaracións este xoves con motivo dunha visita na praza de Curros Enríquez á empresa E-Natura Ingeniería, proxecto beneficiario das axudas do programa Emega para o fomento do emprendimiento feminino. Asegurou o vicepresidente que o peso de Pontevedra no mapa xudicial provincial "dende logo, non empeora nin moitísimo menos".

Na actualidade hai catro audiencias provinciais con seccións desprazadas en cidades como Vigo ou Santiago e con esta nova Lei Orgánica vaise realizar unha nova organización coa creación de Tribunais de Instancia. Segundo Rueda, "iso non vai supoñer en ningún caso que Pontevedra perda un só órgano xudical".

"Xa tiñamos claro na Xunta de Galicia que este edificio era necesario e agora, despois desta reforma, témolo igual de claro ou máis"

Ademais, asegurou que no futuro "seguro" que virá algún órgano xudicial novo para a capital e, nese contexto, se fai máis necesario poder acometer a construción dun novo edificio xudicial. Neste punto, aproveitou para recordar que a Xunta de Galicia xa ten redactado o proxecto para a construción das novas instalacións na Parda e tiña dotación presupostaria para este ano 2014, pero non poden comezar as obras porque o Concello de Pontevedra non cedeu a parcela necesaria, que xa é de titularidade municipal, pero aínda non está inscrita no Rexistro.

"Xa tiñamos claro na Xunta de Galicia que este edificio era necesario e agora, despois desta reforma, témolo igual de claro ou máis", sinalou ao respecto e recordou que a Administración autonómica necesita que a parcela na que se construirá o inmoble estea "libre de cargas e inscrita no Rexistro de Propiedade", circunstancia que non se dá en Pontevedra e xa ten xerado lea política, pero na que "os trámites se están concluindo segundo nos din no Concello".