Alfonso Rueda, no acto de Nadal do PP pontevedrés, pide un último esforzo de cara as eleccións

Pontevedra
30 de decembro 2023

Un centenar de persoas asistían a este acto celebrado durante a noite do venres na cidade de Pontevedra. Os distintos cargos e tamén os militantes populares trasladaron a súa confianza ao candidato do PP coa vista posta na súa primeira maioría absoluta nos comicios do 18 de febreiro

Alfonso Rueda fala cos asistentes ao acto de Nadal do PP
Alfonso Rueda fala cos asistentes ao acto de Nadal do PP / Partido Popular

Un centenar de persoas acompañaba este venres a Alfonso Rueda, presidente do Partido Popular, no tradicional acto do PP que se organiza con motivo das festas do Nadal na cidade de Pontevedra.

Os asistentes trasladaron o seu apoio a Rueda na súa primeira cita coas urnas como candidato á presidencia autonómica e transmitíronlle a súa confianza para lograr a primeira maioría absoluta do líder do PP nos comicios ao Parlamento de Galicia previstos para o domingo 18 de febreiro.

Pola súa banda, Alfonso Rueda agradecía á agrupación local a súa colaboración incondicional e pedía un último esforzo co obxectivo de que o PPdeG achegue estabilidade a Galicia. 

Rafa Domínguez, presidente local dos populares, e Luis López, presidente provincial, interviñan destacando a importancia dos orzamentos aprobados polo goberno do PP na Xunta, sendo os máis elevados na historia de Galicia. Tamén asistía a secretaria xeral do  PPdeG, Paula Prado.

Todos destacaron o "sentidiño" que o presidente do executivo galego ofrece para mellorar Galicia e en concreto Pontevedra citando a ampliación do Hospital Montecelo; a humanización da estrada vella entre Pontevedra e Marín; a reforma do IES Valle Inclán; a mellora integral da residencia pública de Campolongo ou a rehabilitación do Pazo de Lourizán.

Arquivado en