Salvo sorpresa maiúscula, o próximo mes de maio, Alfonso Rueda tomará posesión como presidente da Xunta de Galicia.
O actual titular do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo pechou este martes a súa sucesión á fronte da Xunta despois de completar co barón ourensán José Manuel Baltar a rolda de encontros cos diferentes dirixentes do Partido Popular de Galicia.
Baltar confirmaba que o paso adiante de Alfonso Rueda é o "previsible" xa que, segundo declarou a Europa Press, o vicepresidente primeiro é "o máis preparado, pertence profesionalmente ao mundo da Administración e estivo con Feijoo de xeito conxunto desde o principio".
Non haberá bicefalia porque, ademais da presidencia da Xunta, Rueda encabezará unha lista de consenso nun congreso extraordinario do PPdeG que se celebrará no mes de maio, previsiblemente os días 28 e 29 dese mes.