Alfonso Rueda seguirá sendo o único vicepresidente da Xunta de Galicia

Pontevedra
13 de novembro 2016

El presidente do executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, confirmou que continúan todos os conselleiros do anterior mandato e que, malia que se intuían outras alternativas, continuará cun só vicepresidente

Alberto Núñez Feijóo celebrando a vitoria electoral xunto a Alfonso Rueda e Pedro Puy
Alberto Núñez Feijóo celebrando a vitoria electoral xunto a Alfonso Rueda e Pedro Puy / PPdeG

O pontevedrés Alfonso Rueda continuará sendo vicepresidente da Xunta de Galicia durante o novo mandato de Alberto Núñez Feijóo á fronte do executivo galego. Ao final non houbo sorpresas e o presidente decidiu manter ao equipo co que finalizou o anterior goberno repetindo os dez conselleiros nos seus cargos.

Por tanto, Alfonso Rueda Valenzuela mantense como único vicepresidente, a pesar de que se comentaba a posibilidade de que se crease unha nova vicepresidencia para Francisco Conde. Ademais, o político pontevedrés seguirá á fronte da consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Francisco Conde permanece á fronte da consellería de Economía, Emprego e Industria; Ethel Vázquez seguirá como máxima responsable de Infraestruturas e Vivenda; Sanidade é para Jesús Vázquez Almuíña; Facenda, para Valeriano Martínez. Román Rodríguez mantén Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; José Manuel Rey Varela encárgase de Política Social; Ángeles Vázquez, de Medio Rural. Beatriz Mato e Rosa Quintana, de Medio Ambiente e da consellería de Mar, respectivamente.