Alfonso Rueda, un peregrino en bicicleta máis polo Camiño Portugués

Umia
25 de xuño 2022

O presidente da Xunta de Galicia iniciou o pasado xoves o seu roteiro en bicicleta desde Póvoa de Varzim. Este sábado, xa en Caldas de Reis, destacou a boa saúde do Camiño de Santiago, que "vai a máis"

Alfonso Rueda chegando a Caldas en ruta polo Camiño Portugués /

"Isto vai a máis. O Camiño colle forza". Non son palabras dun peregrino normal e corrente, senón do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que aproveitando a ponte festiva converteuse nunha das moitas persoas que completan a peregrinación a Compostela.

No seu caso Rueda escolleu completar estes días o Camiño Portugués, fíxoo iniciando a súa ruta o xoves en bicicleta desde Póvoa de Varzim.

Este sábado, xa en Caldas de Reis, o presidente autonómico destacou que "temos que espremer este ano Xacobeo, pero con sentidiño", avanzando como dato que "neste mes de xuño vai haber máis Compstelas que o mes de xullo de 2019".

No que respecta á súa ruta, o Camiño Portugués é xa o elixido por un de cada tres peregrinos.

Rueda destacou ademais a recuperación dos peregrinos internacionais e fixou o obxectivo de que ao final deste ano o impulso do Xacobeo supoña dous puntos máis na achega do turismo ao Produto Interior Bruto de Galicia.