Alfonso XIII péchase ao tráfico desde este martes para que o alumnado do Froebel e das Doroteas utilice a rúa como espazo de recreo

Pontevedra
04 de xaneiro 2021

A partir deste martes 5 de xaneiro vai adoptarse a medida do peche da circulación rodada na rúa, segundo anunciou a portavoz do goberno municipal Anabel Gulías. Está prevista a instalación de bolardos na glorieta de Concepción Arenal para evitar o paso de vehículos. O acceso a garaxes e a servizos só se poderá facer por Echegaray e nunca no horario de recreo

Rúa Alfonso XIII
Rúa Alfonso XIII / Mónica Patxot

A partir deste martes 5 de xaneiro, a rúa Alfonso  XIII pasará a converterse en patio de recreo para o alumnado dos colexios Froebel e Doroteas, unha demanda realizada polas comunidades escolares destes centros de estudo.

Anabel Gulías, portavoz do goberno municipal, anunciaba este luns a posta en marcha da medida aproveitando estes días sen actividade escolar para pñer en marcha o cambio. Sinalaba que se instalarán bolardos no extremo de Alfonso XIII que linda coa glorieta de Concepción Arenal para evitar acceso por esta zona.

Desta forma, o único punto de acceso e saída a esta vía con vehículos será a través da rúa Echegaray, onde se instalará un sinal específico que advirta das excepcións nas que se permitirá o tráfico rodado, que se reduce a acceso a garaxes, persoas residentes e movemento de vehículos de servizo. 

En todo caso, ningún vehículo poderá desprazarse por esta rúa no horario de recreo, entre as 11.30 e as 12.15 horas durante as xornadas escolares. Á marxe deses 45 minutos, durante o resto do día, a vía manterase pechada á circulación ordinaria pero van permitirse os servizos habituais para residentes e actividades de carga e descarga.

Gulías sinalaba que, durante os primeiros días, axentes da Policía Local atoparanse por esta zona para informar os condutores da nova situación desta rúa con estas restricións establecidas.

A intención é que os escolares, principalmente do CEIP Froebel, conten cun patio ao aire libre no que os escolares poidan saír das instalacións do centro.