Os datos que obran na oficina de Urbanismo amosan unha "esperanzadora reactivación da construción na cidade", segundo salientou este martes en rolda de prensa a concelleira Anabel Gulías.
Ademais da tramitación de dous novos supermercados, un Gadis na rúa Oliva e un Eroski na avenida de Lugo, pendentes o primeiro do informe municipal e o segundo de que a promotora envíe a información definitiva para a concesión da licenza, rexistráronse outras obras maiores.
Impúlsase unha edificación na rúa Carrasqueira para restaurante (entre rotonda de avenida de Lugo e San Amaro), dúas rehabilitacións na rúa Oliva para 4 vivendas e outra para 3 vivendas, un edificio en Joaquín Costa con Doce de novembro para 26 vivendas e un edificio en Joaquín Costa con Doce de novembro para 40 vivendas.
Tamén se ten constancia dun edificio na esquina da rúa A Estrada, cara Pintor Laxeiro, para 31 vivendas, un edificio na esquina Pintor Laxeiro con Juan Carlos I para 44 vivendas, un edificio en Echegaray para 11 vivendas (fronte a entrada das antigas urxencias do ambulatorio), a reforma dun edificio na rúa Alemaña 44 para 3 vivendas ou a unha rehabilitación na rúa Riestra para 4 vivendas.
A elas súmase un edificio no Gorgullón (próximo á rúa do Muíño) para 6 vivendas, para vivendas turísticas, unha iniciativa totalmente nova na cidade, e nas parcelas de Tafisa, o Concello está a tramitar o estudo de detalle dunha das parcelas na que se poderán construír ao redor de 250 vivendas, e está á espera de que unha nova promotora presente a solicitude de licenza que xa ten solicitada no Concello.